Manifesto

Un grupo de persoas e colectivos de Lugo pensamos que son horas de organizar o amplo rexeitamento contra o fascismo demostrado pola nosa veciñanza. A resposta dada na pasada campaña electoral no mitin de Vox é un bo punto de partida e queremos organizar toda esa forza.

Recoñecémonos na tradición de loita que existiu en distintas etapas na nosa cidade e nos colectivos que xa fixeran unha notábel labor hai uns anos. Agora vendo como o fascismo rexurde nos nosos barrios vemos a necesidade de dar un novo pulo a esta loita.

Queremos construír unha fronte común entre as que pensamos que o discurso homófobo, machista, racista, clasista e antigalego non ten cabida na nosa cidade.

Lugo Antifascista está formado por todas aquelas persoas, dende a diversidade ideolóxica, que nos xuntamos co fin común do antifascismo e para erradicar todas as mostras de discriminación por razón de etnia, sexo, relixión, identidade sexual ou calquera outra condición humana.

O obxectivo é concienciarnos da ameaza que supón o crecemento da ultradereita propiciada polo odio e a manipulación, aproveitando a actual situación de crise económica e social. Este contexto cría unha carraxe e odio que está a ser canalizado en boa parte da Europa pola extrema dereita. Ademais contan coa axuda dos conglomerados mediáticos e mercenarios da pluma, o que lles permite manifestarse, falar e actuar sen pudor e con cada vez con maior impunidade.

Vemos necesario retomar as accións para denunciar e desenmascarar o fascismo que con mentiras, populismo e linguaxe confusa, así como coa infiltración nas loitas sociais tratan de captar xente de todos os estratos sociais, maiormente entre a mocidade.

Desde Lugo Antifascista denunciaremos aqueles actos que na nosa cidade poidan convocar distintos grupos desta corrente e tentaremos concienciar á xente do que é o fascismo e do perigo que corren os nos nosos barrios se as ideoloxías da extrema dereita triunfan.

Tamén traballaremos na recuperación da memoria histórica para que non fique no esquecemento toda a represión exercida contra o noso pobo. Porque o fascismo non é novo, non acaba de chegar, xa estaba, mais andaba con vergoña de saír á rúa.

Nacemos para denunciar aquelas leis que perseguen dereitos e liberdades que non teñen cabida nun estado que pretende ser democrático. Ollar para ao lado é cometer un erro que podemos pagar moi caro.

Nacemos para defendérmonos dun inimigo común e en pro dos dereitos humanos.

Nós somos moitas mais.

Solidariedade e apoio mutuo fronte as súas agresións.

Contacto

Email: lugoantifascista@riseup.net